Mittwoch, November 15, 2006

RESTOS DUNHA MEXADA EN VERDE

Atrincheirado nos despachos da carraxe , sen apenas durmir despois da apoteósica presentación do circuito 4 X 4 , x.campos non pode resistirse a lanzar unha bala máis do seu vello Kalavsnikov, o fusil do proletario de ollada nocturna , para deixarnos a todos rendidos antre a espectacular contundencia do fogo amigo......

Naturalmente artificial, unha expo en España, enche titulares de imprensa. Mentres, nós, naturalmente periféricos, cociñámonos no centro do mundo, na quentura da paixón e da carraxe como maneira de sobrevivir ao día a día colonialmente brutal que nos golpea. Non queremos evadirnos da realidade, queremos invadila. Artefactos sonoros artesáns, apropiacións indebidas de caixóns de xastres musicais, mesturas imposíbeis co pé no chan e a man no ceo, estética e ética soando da man ao servizo da causa musical da nova cultura que dá identidade desde a vangarda e a ruptura cos choros e cos medos. Se Manuel Antonio vivise hoxe faríase dj clandestino desde un blog dunha vila galega. O socialismo musical real, na Rede e fóra dela. Non é unha utopía. Queremos a pinga de suor enriba dos pratos galegos dos pinchadiscos, a camisola empapada dos Resentidos en vermello, a actitude punk nos estudios Grozni que medran polos pisos francos agochados nos ollos da mocidade proletaria das fábricas de conservas, dos peóns de obra, do gremio dos poñedores de churrasco e vermús de fin de semana, dos estudantes en universidades no limbo da realidade, nas depresións de trankimazín aos vinte anos. A resistencia medra desde as trincheiras do pop, do combate corpo a corpo, dunha nova cultura emergente que empuña as metralletas do desafío e encañona ao fascismo dos menús precociñados, no ideolóxico, no cultural, no persoal. A independencia nunca foi un nome dunha marca de iogures desnatados. Manuel Antonio xogaría á billarda coas cabezas de tanto alleador incendiario. Un paso adiante máis, ZIMMER103 cobre as túas costas.