Mittwoch, Dezember 07, 2005

- Celebrada a I edición da Escola Fermín Penzol en Ribadeo cun enorme éxito e despois de seres calificado no parlamento do principado e en moitos medios galegos e astures case coma o pelayo da carraxe que quere conquistar os territorios do eo navia para a gran galllaecia , pensas que iste debate distorsionado que se está a producir nos medios pode traer coma consecuencia unha posible rebelión lingüística por parte dos eo-naviegos máis ultraortodoxos?

- Vou poñer as cousas no seu sitio e dicir o que penso. Penso que o que se fala na Comarca Eonaviega é, filoloxicamente, galego. Paréceme indiscutible, pero tamén me parece irrelevante que eu o pense, porque o que importa é o que pensan os seus falantes e as autoridades culturais, lingüísticas e políticas que teñen competencias no asunto. Só Asturias ten e debe ter competencias neste tema, porque ninguén pon en dúbida que o occidente astur é Asturias. Pero é importante que na propia Asturias recoñezan que hai asturianos que pensan que no Eo Navia se fala galego, como os hai que pensan que o que se fala alí é unha lingua independente, que nin é galego galego nin é asturiano, e á que lle chaman gallego-asturiano. Pois ben, as autoridades asturianas teñen o deber de aceptar como interlocutores válidos a todos eles, sen primar unha das opcións sobre a outra, e tamén de fomentar un debate que leve a un acordo de mínimos que permita poñer en marcha políticas de normalización social da lingua. O que ocorre agora é que La Nueva España e o PP viñeron fomentando a polémica anti-galega dunha maneira irresponsable e maniquea, cando lles trae sen coidado o asturiano e mais o galego de Asturias, pero viron posibilidades de, nun caso, cortar a entrada de La Voz de Galicia na zona, e no outro, de empregar a cuestión como arma arroxadiza contra o PSOE. E o PSOE, co desleixo habitual e a ambigüidade á que nos ten afeitos, entrou ao xogo en moito concellos. E pode tamén que desde Galiza faltase diplomacia nalgunhas ocasións. Pero iso non xustifica discursos que fomentan a crispación antigalega na zona, nunha zona na que nunca houbo ningún problema e sempre nos levamos ben. O asturianismo ten tamén un papel moi importante que xogar, superando complexos que saltan á vista e apostando por unha estratexia de colaboración para acordar un traballo a prol da cooficialidade, á que o PSOE non se pode negar se aínda ten algo de vergoña. As pontes que se tenderon na Fermín Penzol foron un primeiro paso, con xente de peso coma Xuan Bello ou Xulio Viejo, coa que é moi fácil chegar a puntos en común, pero tamén hai outras posicións, tanto nun lado coma noutro, que impiden o diálogo e nos condean á máis triste estupidez da confrontación.

- Istes días vin en Foz un andamio repleto de chineses amañando un local para por , supoño ,un dises bazares seus nos que hai de todo, o asentamento masivo de comunidades foráneas nas nosas vilas, parroquias e cidades vai traer con toda probabilidade consecuencias lingüística e sociais, sabes se existe xa algún estudio do galego dos magrebís ou do galego dos chineses?

- Aínda non, porque é unha realidade moi recente e moi emerxente, e ademais son dúas comunidades con moi pouca permeabilidade cara as culturas locais. É un desafío para o que vai haber que implementar políticas concretas. Tan galego é un magrebí de Lourenzá coma un caboverdiano de Burela coma un paisano de Baralla, sempre que exista esa vontade de selo e se traballe e viva aquí. A Galiza irá acollendo inmigrantes na medida en que se desenvolva economicamente. De todas maneiras, temos un fenómeno moi particular, o dos emigrantes retornados, moi difícil e complexa. En calquera caso, como nacionalista galego, teño claro que a nación é un conceito dinámico, que se constrúe día a día, e que non está asentada en esencias inmtutábeis nin mitos orixinarios. Para cando un rapaz negro de Burela xogando de dianteiro centro da selección galega de fútbol?