Mittwoch, Dezember 07, 2005

XAVIER CAMPOS NO INFERNO DO 4º SKURO!!

- Sangue galega e paixón xitana, podería ser o titular perfecto para ista apaixoante edición do 4º SKURO?

- A verdade é que a pregunta me evoca ao tempo no que pasei, con dezasete e dezaoito anos, horas e horas no camión con meu pai, indo de Ribadeo a Lugo polas mañás e polas tardes, e con Manolo Tena no cassete. Hai unha épica dos camioneiros por contar, moi lonxe do tópico: son os mariñeiros da terra, que súan e durmen onde cadra e poden gozar -e sofrer- os solpores da Terra Chá ou as luces do Polígono do Ceao ás sete da mañá. Canto ao dos xitanos, teñen máis que ver connosco do que pensamos: unha cultura subalterna e que non morre, prexuízos e descoñecemento, e sentimento de seu. Podería ser un bo titular, si. RO?

- Contos xitanos é unha escolma de relatos que ti vertiches é galego para un mellor coñecemento diste pobo da non terra, despois de realizar iste enorme traballo de asimilación, sentíchete máis cercano á súa realidade?

- Para ser sincero, o libriño foi un encargo de Paco Macías, o editor de Positivas (www.edicionspositivas.com), un home que aposta por unha ollada distinta, galego-berciano de nación e lingua. Serviume para ollar doutra maneira a cultura xitana, cunha dimensión máis europea (a Camarga francesa, os Balcáns, mais tamén Escocia, Italia, ...) e sobre todo para renovar o gosto polos contos como formato popular cheo de sabedoría e tradición. Tamén descubrín que a cultura popular, ao cabo, é moi semellante en toda a Europa, e quizais tamén a iso axudasen os xitanos, nómadas onde os haxa que transportaron dunhas terras a outras aspectos culturais de moi diversos lugares. E sobre todo, para ollar de maneira diferente aos xitanos do meu entorno, de Ribadeo, que venden na praza os mércores e viven nunhas chabolas -algúns- dunha zona periférica da vila. Noto que a xente nova xitana é permeábel á cultura de masas actual, de procedencia maioritariamente ianqui, e así non é difícil ver xitanos de quince anos con pantalóns anchos de hip-hop, pero despois manteñen a querencia pola súa música nun mix que podería dar moito de si se houbese canles para toda esa potencialidade que existe. Magóame tamén o feito de que na Galiza non houbo un contacto entre a nosa cultura nacional e a xitana, ao contrario do que en Catalunya, por exemplo.

- Curiosamente todos istes relatos refírense a xitanos establecidos en centro europa, hai algún motivo polo que non te meteras a fondo no tratameto da extensa mitoloxía xitana da Galiza?

- Coido que xa na resposta anterior vai parte desta. As orixes do proxecto, as fontes que empreguei, etc fixeron que o libro tirase por outro lado. A cuestión xitana na Galiza, dun punto de vista cultural e sociolóxico, pode ser moi interesante de se estudar con profundidade.