Montag, Juli 03, 2006

A ELEGANCIA DO MARTELO

Terás que escoitalo unha e outra vez, porque non se vai da cabeza. Coma unha hedra sónica, coma un desfile de mitos, coma unha pistola con silenciador: pop electrónico galego de última xeración, coas raigames da árbore medrando no lixo dos aramios empatados con cinta aislante e letras enterradas nas utopías escarlatas, nas proclamas de combate por un mundo feliz. Desde os estudos Grozni, a elegancia do martelo co ritmo dos latexos do sangue no corazón, pegando na noite cos ollos pechos e con luvas de veludo. Hedonismo desde o frío das xeadas da mañá, ritmos lúdicos e comunistas en ollos medioespertos camiño da casa, na volta das noites imposíbeis, nun combate polos soños corpo a corpo. Da pel para dentro mando eu, que dicían aqueles. A min non t b´s. O primeiro single do selo clandestino CORPO A CORPO RECORDS?, que incendia desde Ribadeo o underground en rede da música galega. A canción do verán con vocación de melancolía de outono. Family, Pet Shop Boys, New Order suavizado, con actitude punk e ritmos de mel, vodka, licor café de beizos vermellos.
[A Rabia Saudita]